Plantou un cento de árbores frutais coa colaboración de estudantes da zona
A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia puxo en marcha Maceiras no Camiño, un proxecto de restauración ambiental da ruta xacobea a través da plantación de maceiras. A proposta, financiada a través do GALP Costa Sostible, desenvólvese coa colaboración do CEIP Ramón de Artaza, o IES As Insuas e o centro ocupacional Adisbismur, coordinados pola asociación Muros Vila de Auga e Sal.
«Hai moitos anos, nas beiras dos Camiños de Santiago había moitas árbores frutais: pereiras, cerdeiras, ameixeiras… e moitas maceiras, polo que os peregrinos podían coller unha mazá, recuperar forza e seguir o seu camiño. Pero foron desaparecendo co tempo», explica Montse París, coordinadora do proxecto. Engade que coas árbores búscase dar sombra e alimento, ao mesmo tempo que se enche de cores o traxecto.
Como parte inicial do plan, os escolares plantaron un cento de maceiras, identificadas co símbolo da campaña Maceiras no Camiño, no que se indica que os froitos están a disposición dos peregrinos. Entre as variedades plantadas figuran Tres en Cunca, tamén chamada Cacharela o De Inverno, recollida en Santa María de Roo (Outes). Trátase dunha mazá de gran calidade que madura en novembro. Tres en Rama, Morena Rayada, Ollo Mouro, Camoesa e Reineta foron outras das variedades elixidas para este proxecto.
«Escollemos maceiras porque son fortes e resistentes, medran en case calquera terreo, teñen un tempo de maduración moi longo, dan froito cada ano e cada variedade ten un sabor distinto», destacou Montse Paris.
Fonte: La voz de Galicia

