Muros é, por riba de todas as cousas, un porto. A súa mirada está de sempre posta no mar. Desde a liña de costa suben estreitas rúas, logo convertidas en camiños polas ladeiras, nas que atopamos constantemente, como salseiros de auga salgada, as pegadas dunha cultura ligada á Ría.
A finais da Idade Media, a proximidade a Compostela e a riqueza pesqueira fan de Muros a terceira vila da costa galega. As crónicas falan, en 1488, dunha poboación de 1.000 veciños –o que significa entre 4.000 e 5.000 habitantes-, máis que destacado para a época. Nos séculos seguintes, ata a invasión napoleónica, imos seguir atopando algunhas descripcións que ensalzan a importancia do porto e da flota. Muros atravesa épocas duras; pestes, fame e ataques navais salpican a vida de varias xeracións. Aínda que a súa importancia irá minguando fronte a outros portos, Muros vai seguir destacando como potencia pesqueira, cuhna poboación vencellada ao mar. Ademáis da maioría de pescadores, moitos muradáns viven do mar como tripulación de mercantes, redeiros ou tratantes de peixe.
Hoxe, a lonxa de Muros permítenos seguir disfrutando dos sabores do mar. Aínda que xa case non hai sardiña, son moitas as opcións para o noso paladar.
O novo rei da pesca é, sen dúbida, o 'xurelo'. Séguenlle especies coma o polbo e a xarda. Pero a variedade é infinita: faneca, maragota, pinto, merluza, congrio, chopo, centola, nécora, raia, navalla, ameixa, berberecho, mexillón...
Asomado a el, unha fachada marítima que conserva o trazado histórico con soportais, estreitas rúas e pequenas prazas.
É unha das vilas mariñeiras mellor conservadas do litoral galego. Á nosa chegada amósasenos a súa fachada de galerías e soportais, antigamente situados enriba da praia. O Casco Histórico de Muros é Conxunto Histórico Artístico desde 1970.