Das bateas penden cordóns umbilicais que ligan á vida a diferentes especies de moluscos que multiplican así a súa reprodución.
A gran riqueza das augas e as beneficiosas condicións ambientais das rías galegas disparan as tasas de crecemento e calidade do mexillón. O mexillón de Galicia procede das bateas fondeadas nos polígonos de cultivo situados no interior das rías de Vigo, Pontevedra, Arousa, Muros-Noia e Ares-Betanzos.
Na nosa Ría de Muros e Noia hai unhas 118 bateas repartidas en tres polígonos. A época de colleita depende, entre outras razóns, do seu destino. Así, o mexillón destinado á conserva e ás empresas transformadoras colléitase xeralmente no verán. O destinado ao consumo en fresco, preferentemente ao longo do outono e o inverno. O Mexillón acada nas nosas costas o seu talle comercial (70-95 mm) nuns 17 meses, fronte ao que ocorre noutros países productores, onde o período de cultivo é moito máis dilatado (no resto de Europa o mexillón precisa de 2 a 6 veces máis tempo para chegar a esta medida).
O sistema de cultivo tradicional en Galicia é a batea, un deseño autóctono que é o de mellor rendimento dos coñecidos, o que convirteu a Galicia no líder europeo de produción. É un viveiro flotante construído por un cadro de madeira de eucalipto, de forma máis ou menos rectangular, enriba do que se amarran as cordas do mexillón e se mantén na superficie cun sistema de flotadores.
Pero non só se cultivan mexillóns nas bateas, tamén vieiras e ostras.
Galicia produce anualmente dous tipos de ostra, a plana ou europea e a xaponesa, especie para a que os produtores galegos rexistraron o nome comercial de "ostra rizada”. A tempada das ostras salvaxes abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro. O resto do ano están dispoñibles pola súa produción en batea.
No tocante á vieira é o marisco máis característico de Galicia, e non polo seu valor culinario, que non é pouco, senón pola súa relación co Camiño de Santiago, o símbolo dos peregrinos que sempre a levaban no seu percorrido ata chegar á Tumba do Apóstolo.
A vieira na batea presenta unha dificultade engadida, ao non fixarse de xeito natural ás cordas como as ostras ou o mexillón, polo que teñen que ser amarradas á man unha a unha. Pola súa parte, as vieiras que viven nos fondos son capturadas desde lanchas cun aparello especial chamado rastro ou anciño de mar.