A Ría foi tamén punto de entrada para os peregrinos que viaxaban a Compostela.
A importancia que adquire Santiago de Compostela desde a Idade Media, convirte á Ría de Muros e Noia en fachada ao mar da cidade. A Ría ha ser tamén punto de entrada de peregrinos que acudían a Compostela. Consta que xa no século XII, as expedicións navais que partían de Gran Bretaña e o norte de Europa cara á Segunda e Terceira Cruzada, entraron por esta costa cara ao sepulcro do apóstolo para solicitar a súa mediación.
Ha ser a finais do século XIV cando se consolide a chegada de peregrinos por mar, de xeito especial desde Inglaterra. A Coruña convertirase no principal porto de entrada, pero a ría de Muros e Noia tamén verá a chegada de devotos camiño á sepultura do apóstolo, conformando un dos camiños ingleses.
A vía por mar incluía, ás veces, expedicións fletadas especialmente para peregrinos, aínda que o máis normal era que os devotos aproveitaran embarcacións que facían rutas comerciais.
Desde a Idade Media, Europa encheuse de lazaretos, hospitais baixo a advocación de San Lázaro, considerado protector dos leprosos. Ao longo de séculos o término lazareto designaría ás instalacións adicadas a illar aos infectados por todo tipo de enfermidades contaxiosas. Xunto aos efectos físicos da lepra, os afectados tiñan que facer fronte ao estigma social, derivado do medo ao contaxio.
Nos portos de mar como Muros adoitaba haber este tipo de instalacións, xa que o tráfico marítimo era unha das vías de propagación da lepra. Na Ría, punto estratéxico do tráfico comercial e de peregrinos a Santiago, multiplicaranse os hospitais para a atención de pobres, peregrinos e enfermos.
O Hospital de Lazarados de Muros existía xa no século XIV. As primeiras referencias son do 1421, ano no que consta unha esmola ao seu favor. Ao longo dos séculos sucederanse este tipo de doazóns e o hospital irase facendo con casas e propiedades polas que os seus alugados pagaban rendas destinadas ao coidado dos enfermos. Máis que unha gran construción, tratábase de varias casas que se adicaban ao coidado dos enfermos ou se alugaban mentres non facían falta para este uso.
O hospital estivo vencellado ao santuario da Virxe do Camiño, un edificio gótico erixido polo Arcebispado de Santiago, logo de facerse coa vila de Muros, probablemente enriba dunha ermida románica. Algúns autores indican que formaba parte del a construcción medianeira coa fachada do Santuario, aínda que parece pouco probable.
A solidariedade da comunidade mariñeira déixase ver con claridade na atención aos máis necesitados. Testemuña disto, algunha das novas máis antigas da vila fan referencia ao seu hospital de pobres. Foi fundado en 1418 por Diego Rodríguez de Muros, daquela xuíz da vila, e mantivo a súa función ata mediados do século XX. Hoxe conserva aquel espírito como centro social.
Varias novas van amosando a súa supervivencia ao longo dos séculos, tanto polas doazóns ao hospital como polas mencións das propiedades, das que as súas rendas se destinaban a sufragar os gastos, ou polas testemuñas das visitas que os eclesiásticos da arquidiocese facían á parroquia.
A visita correspondente ao ano1585, déixanos información valiosa sobre o seu funcionamento. Indícanos que debe atender a enfermos pobres e peregrinos, tamén extranxeiros; lembremos que Muros era entón porto comercial e de acceso á ruta xacobea. Refírese a detalles como á roupa das camas e sinala o trato especial que ha brindarse a sacerdotes e peregrinos de “calidade” que se acollesen no hospital. Adoitaba haber naquela época entre 6 e 9 persoas aloxadas.
Os enfermos podían ficar alí ata que estiveran en disposición de pediren esmola e, desde logo, o hospital debía tentar non converterse nun refuxio de persoas “vagabundas y de mal vivir”.
O edificio que vemos hoxe, corresponde a unha construción do século XIX na que destaca o seu pórtico. O proxecto inicial era ambicioso, pero a invasión francesa e as dificultades que lle seguiron, obrigaron a unha obra máis modesta.