Amosámosche o patrimonio material que atesouraron xeracións de muradáns e, sobre todo, descubrímosche os episodios históricos, os significados e as tradicións que se agochan máis alá do que podes ver.
Todo un símbolo da sociedade mariñeira e a súa relixiosidade. Por unha banda, aparece vencellado desde as primeiras informacións a un hospital de “lazarados”(leprosos) sinal, polo tanto, da caridade. Por outra banda, ha ser centro da devoción mariñeira; á Nosa Señora do Camiño encoméndanse os pescadores e navegantes, dando lugar á continuada entrega de exvotos, oferta en agradecemento a un favor divino.
A devoción en Muros deu lugar a outros pequenos templos que se espallan pola parroquia. Todos eles axudan a comprender os matices da devoción mariñeira.